Thursday 25 de April de 2024

O Goberno Municipal incumple os acordos plenarios sobre o recurso ao Plan Director do aeroporto.


– O Grupo Municipal do BNG, a un día de que remate o prazo, non ten constancia de que o Goberno Municipal cumprira nengún dos acordos aprobados por unanimidade o pasado mes de outubro.

– O BNG solicita que o Goberno Municipal publique o informe que di ter, elaborado por unha “asistencia técnica especializada”, segundo anunciou na prensa o Sr. Alcalde.

O Pleno municipal aprobou por unanimidade, na súa xuntanza do mes de outubro, a moción do BNG que instaba ao Goberno Municipal a realizar diversas actuacións fronte á aprobación polo Ministerio de Transportes dun novo Plan Director para o aeroporto de Albedro.

Así, cando falta un só día para que remate o plazo para presentación do recurso contencioso administrativo contra a orde ministerial, non temos constancia de que o Concello realizara dito trámite, como se lle esixía.

O Goberno Municipal non informou ao BNG se solicitaron ao Ministerio a publicación de planos cartográficos con capas de información catastral, para facilitar o acceso á información das persoas afectadas.

As persoas titulares de propiedades afectadas tampouco recibiron comunicación algunha do Concello informándolles da nova situación urbanística en que quedan as súas propiedades, algo que o Goberno Municipal debera ter feito de oficio de acordo co acordo aprobado en Pleno de xeito unánime.

O Concello tampouco convocou á veciñanza a unha asemblea informativa, para informalos da nova situación, das accións a levar a cabo e para a resolución de posíbeis dúbidas. Todas as asembleas habidas foron por iniciativa de grupos políticos (nomeadamente o BNG) ou de plataformas cidadás (en Tarrío e en Almeiras).

A única noticia que se tivo do Concello, en todo este tempo, é un artigo publicado este xoves nun xornal, segundo o cal o Sr. Rioboo afirmaba, 3 días antes do remate do prazo, que o Concello interporía un recurso perante a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional e que hai unha “asistencia técnica especializada” que respalda a viabilidade do recurso.

O BNG de Culleredo solicita que, en aras a colaborar coa veciñanza e facilitar os recursos das persoas afectadas, se faga público na páxina web municipal o informe que o Sr Alcalde di ter, para que toda a veciñanza poida coñecer as súas conclusións sobre as afectacións e os motivos para recorrer.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “é o mínimo que este goberno municipal pode facer a estas alturas polas persoas afectadas, xa que polo de agora o único que amosou foi a súa incapacidade (ou falta de vontade, que sería peor) para dar cumprimento, unha vez máis, aos acordos plenarios”.